Snacks saudables para saídas escolares
Aínda que é habitual que os máis pequenos da casa leven un tentempé na mochila do colexio para repoñer forzas a media mañá, cando hai saídas escolares, sempre temos a sensación de que hai que preparar algo máis especial, verdade? Neses casos, a emoción e o cambio de rutina requiren unha dose extra de enerxía e fan máis necesario pensar ben ese snack porque ten que axudarlles a manter o ritmo da actividade. Con todo, especial non significa menos saudable 😉. Xa sabes que en Gadis sempre insistimos na mesma receita: produtos de tempada, locais ou de proximidade. Ademais, cando se trata de excursións, tamén hai que ter en conta a facilidade para comer o que lles preparamos en calquera sitio. Hoxe imos compartir contigo algunhas ideas de snacks saudables para saídas escolares con suxerencias que poidas levar facilmente a calquera destino. Que che parece?
Tips para un snack saudable
Unha boa alimentación é a base da saúde e é aínda máis importante no caso das nenas e dos nenos en idade escolar. Sabemos que a teoría está moi ben, pero como mellor se aprende é coa práctica. Por iso, aquí deixámosche algúns tips para preparar con eles e elas snacks saudables:
– A froita sempre é a opción perfecta para un tentempé saudable. Ademais, é unha fonte de hidratación polo seu contido en auga. É mellor que a consuman enteira que en zumes ou batidos. Aproveita as de tempada, que, ademais de ser a proposta máis sostible, están no seu punto óptimo de sabor: mazá, amorodo, kiwi, laranxa, mandarina… Para a súa comodidade, poden levalas xa cortadas nalgún recipiente que as conserve frescas. Tamén podedes preparar espetadas que combinen dúas ou tres sabores ou optar por froita deshidratada.
– Os frutos secos son moi nutritivos e unha importante fonte de enerxía. O mellor? Tes moita variedade para elixir porque aquí non hai tempada 😉. Só procura elixilos ao natural ou tostados, evitando os fritos. Se che gustan as pipas, mellor sen sal e non!, os millos fritos non se consideran froitos secos.
– Os bocadillos son un comodín para calquera excursión porque se transportan facilmente e non requiren nada especial para a súa conservación. Como lograr que sexan unha proposta saudable? Bota man do noso prato Alimentes e respecta as recomendacións sobre as cantidades diarias de cada grupo alimentario! É dicir, non prepares macrobocadillos. Utiliza pan integral e elixe un recheo adecuado: algunha conserva de peixe como bonito, atún ou cabala, algún paté vexetal tipo hummus, algunha carne branca como pavo, e vexetais como aguacate, tomate, leituga, espinacas, etc. Pódense preparar ao gusto de cada comensal.
– Se lles apetece algo doce, recomendámosche que cociñedes algunha sobremesa caseira sen engadir azucre. Lembra que podes adozar con plátano, pasas ou dátiles, por exemplo.
– A bebida é o máis fácil. A agua é a que máis quita a sede e a mellor opción. Recorre a botellas reutilizables que manteñan a temperatura para tela sempre fresca.
Snacks saudables para salidas escolares
Chips de mazá
Que che parece preparar un trampantoxo de patacas fritas usando mazás? Será unha proposta resultona e que pode conquistar mesmo aos máis reticentes. Só tes que cortar un par de mazás en toros moi finos e enfornalas ata que queden crocantes. Podes facelo, se queres, esa mesma mañá e directas á lata (conservan mellor os alimentos no seu punto crocante)! Quen di un par di algunha máis porque seguro que terá que compartir coas compañeiras e compañeiros. Ninguén poderá resistirse 😉
Mix de froitos secos e froitas secas ou deshidratadas
A asociación de froitos secos e froitas secas ou deshidratadas é unha opción moi saudable, que, ademais, é moi práctica para as excursións. Os froitos secos proporcionan proteínas e ácidos graxos omega-3 e omega-6 e son moi enerxéticos. As froitas secas ou deshidratadas son unha fonte de hidratos de carbono saudables. Así, prepararedes un tentempé moi sinxelo, pero saboroso. Hai infinidade de combinacións! Figos secos con noces, dátiles con améndoas, mango deshidratado con abelá… Ao gusto de cada un!
Galletas de aguacate e quinoa
Se che sobrou quinoa cocida, podes preparar unhas galletas salgadas deliciosas. Só tes que escorrela e mesturala co puré dun aguacate, un pouco de sal e noces picadas finas ata formar unha masa. Dáslle forma de galleta e non é necesario cociñar! É un tentempé salgado moi saudable: fibra, graxas boas e antioxidantes.
Barritas de dátiles e avea
Ingredientes
– 300 g de dátiles
– 2 o 3 tazas de avea
Preparación
– Deixa os dátiles sen os ósos en remollo durante a noite. Ao día seguinte, bate os dátiles coa auga ata que se forme unha pasta. Mentres se bate, vai engadindo un ou dous puñados de avea, dependendo da consistencia que lle queiras dar.
– Cando a mestura teña unha consistencia de pasta, pona nunha bandexa de cristal e aplana cunha espátula para que quede lisa. Se queres, unha vez aplanada, podes espolvorear avea por encima para que haxa dúas texturas.
– Mete a bandexa na neveira e deixa arrefriar un par de horas.
– Cando xa estea fría, corta a masa en forma de barritas e listas para tomar! Podes envolvelas ou metelas nalgún recipiente para que as leven na mochila.
Que che parecen estas suxerencias para as saídas escolares? Vas probalas?