Receitas do mundo: Norteamérica, Caribe e México
Hai uns meses que iniciamos a nosa serie de publicacións de receitas do mundo. Con elas queremos achegar aos nosos lectores e lectoras a novos pratos, novos sabores que incorporar aos menús máis tradicionais das nosas casas. Tras Europa, é a quenda agora de viaxar a América do Norte, o Caribe e México. As receitas son adaptadas da selección de Christian Teubner na súa publicación As 100 mellores receitas do mundo.
Ovos rancheiros (México)
Orixinariamente esta receita era o almorzo enerxético que tomaban as persoas que traballaban o campo en México. Hoxe en día nun prato moi popular dese país que se pode atopar en calquera restaurante a calquera hora,
Ingredientes para 4 persoas:
- 1 chile.
- 3 tomates.
- 1 cebola pequena.
- ½ dente de allo
- 6 culleres pequenas de aceite.
- Sal, pementa branca recentemente moída.
- 4 tortas de millo (1 por persoa).
- 8 ovos campeiros (2 por persoa).
- Queixo relado.
- Perexil.
- Caldo de carne.
Preparación
- Para facer a salsa, escaldamos os tomates e pelámolos. Partímolos á metade, sacámoslle as pepiñas e deixámolos escorrer nun coador. Quentamos o aceite e pasamos a cebola e o dente de allo. Engadimos os tomates e o mollo recolleito e deixamos que fervan lentamente uns minutos.
- A continuación, engadimos o caldo e o perexil, condimentamos con sal e pementa branca moída e coámolo. Xa temos a salsa lista.
- Nunha tixola, botamos os ovos de dous en dous (con coidado para que non rompan as xemas). Engadimos un pouco de sal, os chiles e o queixo relado. Cando estean listos colocámolos nun prato e botámoslles a salsa de tomate. Cada comensal acompaña o prato cunha torta de millo.
Guiso criollo de lagostinos (Estados Unidos)
A receita deste guiso procede do estado de Louisiana. Os estados do sur dos Estados Unidos son unha mestura de diferentes culturas. Neste caso hai unha clara influencia francesa, xa que foron os fundadores da cidade de Nova Orleans. Cociñar á maneira criolla significa, entre outras cousas, cociñar moi picante e con mariscos, un dos seus ingredientes básicos.
Ingredientes para 4 persoas:
- 750 g de colas de lagostinos.
- 400 g de tomates maduros.
- 2 dentes de allo.
- 120 g de cebolas.
- 50 g de apio.
- 250 g de pementos verdes.
- 250 g de pementos amarelos.
- 4 culleradas de aceite.
- 1 culler pequena de sal e outra de azucre.
- 1 folla de loureiro.
- 1 rama de tomiño.
- 2 culleradas de follas de apio picadas.
- 3 ó 4 chiles pequenos.
Preparación:
- Podemos comprar as colas de lagostino conxeladas, que veñen xa peladas e preparadas para botar na tixola. Lembra! Desconxela o produto na parte superior da neveira.
- Escaldamos os tomates con auga fervendo. Pelámolos e quitamos as pebidas, sen perder o seu mollo. Cortámolos en cuadraditos. Desta mesma forma cortamos as cebolas, allo, apio e pementos (tras sacarlles as pebidas e nervaduras).
- Quentamos o aceite nunha cazola grandes e refogamos o allo e a cebola. Engadimos os tomates, o apio e os pementos. Continuamos refogando. Condimentamos con sal, azucre, loureiro, tomiño e as follas de apio e deixamos cocer de 15 a 20 minutos.
- Partimos os chiles á metade e ímolos engadindo á salsa aos poucos. Aconsellamos ir probando a salsa antes de engadir un novo anaco de chile, para comprobar que o picante non sexa excesivo.
- Por último, engadimos os lagostinos, mesturamos todo ben e cocemos a lume lento 4 ou 5 minutos. Podemos usar como guarnición pasta ou arroz.
Costelas guisadas ao estilo de Texas (Estados Unidos)
Este típico prato dos vaqueiros americanos. Aínda que a día de hoxe as vacas se crían en granxas e perdeuse parte daquel espírito romántico da antiga crianza, os guisos de carne non perderon o seu éxito. A costela de vaca, picante e guisada con cervexa constitúe a base dunhas xenuínas Texas Short Ribs.
Ingredientes para 4 persoas:
- 1 kg de costelas de tenreira.
- 180 g de cebola.
- 2 dentes de allo.
- 3 ou 4 vainas de chiles picantes vermellos.
- 1 pemento verde.
- 500 g de tomate.
- 80 g de apio.
- 30 g de fariña.
- ½ culler pequena de sal.
- ½ culler pequena de pementa branca recentemente moída.
- 2 culleradas de azucre moreno.
- ½ culler pequena de pemento doce.
- ½ culler pequena de mostaza e po.
- Zume de 2 limóns.
- ¼ de cervexa tostada.
- Perexil recentemente picado.
Preparación:
- Partimos as tiras de costela en anacos pequenos.
- Cortamos as cebolas en dados e machucamos os dentes de allo. Limpamos os chiles e os pementos das pebidas e nervaduras. Machucamos os chiles e partimos os pementos en cadrados.
- Escaldamos un pouco os tomates, pelámolos, quitámoslles as sementes e, co apio, cortámolos en anacos pequenos.
- Mesturamos a fariña, sal e a pementa branca. Reservamos unha cullerada desta mestura e co resto rebozamos as costelas.
- A continuación, fritimos as costelas nunha tixola marcando por todos os lados.
- Na mesma tixola, refogamos as cebolas, allo, chiles e pementos. Pasados 5 minutos engadimos a cullerada de mestura de fariña e sen deixar de remover, refogamos durante 2 minutos máis. Mesturamos o apio, o azucre o pemento e os pos de mostaza co zume de limón. Mesturamos a salsa de chile coa cervexa e agregamos por último os tomates.
- Colocamos sobre esta salsa as costelas. Poñémolas a cocer, tapando a cazola e colocándoa nun forno prequentado a 180º. Pasados 45 minutos damos a volta ás costelas e deixamos outros 45 minutos. Destapamos e deixamos outros 15 minutos máis. Quitar a graxa sobrante e espolvorear con perexil picado.
Crema de mango con salsa de tamarillo (Porto Rico)
Os mangos, xunto coas piñas e as bananas, son as froitas máis importantes do Caribe. Como mellor saben os mangos son frescos e soamente pelados. Con todo, utilízanse de múltiples formas como sobremesa ou acompañamento de carnes e peixes. Nesta receita acompáñase con salsa de tamarillo, unha froita tropical coñecida tamén como tomate de árbore (pola súa forma parecida ao tomate).
Ingredientes para 4 persoas:
- 350 g de mango maduro.
- 2 follas de xelatina branca.
- 2 xemas de ovo.
- 60 g de azucre.
- 60 ml de viño branco.
- ½ litro de nata.
Para a salsa de tamarillo:
- 300 g de tamarillos.
- 80 g de azucre.
Para adornar:
- Crema fresca.
- Follas de menta.
Preparación:
- Pasamos a carne do mango por unha batedeira e botámolo nunha fonte. Mentres tanto poñemos a xelatina en auga fría en remollo.
- Mesturamos nun cazo as xemas de ovo con 40 g de azucre e o viño branco, quentando ata que case ferva. Presionamos ben a xelatina e metémola a crema tépeda e movémola ata diluíla. Coámola sobre o puré de mango e mesturámolo cunha culler.
- Batemos a nata co resto do azucre e mesturamos rapidamente coa crema. Para iso a masa ten que estar aínda un pouco tépeda para que a xelatina non se fragüe enseguida. Enchemos con ela varias copas de sobremesa e deixamos arrefriar na neveira.
- Para facer a salsa, pelamos os tamarillos, pasamos a súa carne polo pasapurés e coámolos sobre unha cazola. Engadimos o azucre e cocémolos sen deixar de mover. Despois de 5 minutos retiramos e deixamos arrefriar.
- Sacamos as copas da neveira e adornamos coa salsa de tamarillos, a crema e as follas de menta ao gusto.
Gústanvos? Esperamos que as preparedes nos vosos fogares.