Receitas de outono baixas en histamina
Aínda quedan unhas semanas con produtos de outono nas nosas despensas e, despois de compartir receitas sen lácteos e sen glute, hoxe traemos algunhas ideas baixas en histamina. Neste caso, non todas as froitas e verduras desta época do ano son as máis axeitadas para o menú, xa que moitas teñen un contido alto en histamina ou favorecen a súa liberación no organismo. Pero o bo do outono é que hai moitas opcións das que botar man para unha proposta que poidan inxerir persoas con intolerancia á histamina ou con histaminosis (exceso de histamina en sangue).
Estímase que entre un 1% e un 3% da poboación mundial padece intolerancia á histamina, cunha incidencia maior entre as mulleres (80 %). Ademais, crese que, a medida que se conte con mellores ferramentas de diagnóstico e un maior acceso aos datos e á información, aumentará o número de persoas diagnosticadas. Cando se diagnostica esta intolerancia ou unha histaminosis, o habitual é que o persoal sanitario, ademais de poder recorrer aos antihistamínicos, realice unha serie de recomendacións dietéticas. En calquera caso, é importante coidar a alimentación e tratar de que sexa variada e saudable, a pesar das restricións. Por iso, en Gadis queremos compartir un menú baixo en histamina para gozar dos produtos de outono. Queres saber máis? Segue a ler!
En que se diferencia a intolerancia á histamina da histaminosis?
A histamina é unha molécula que produce o organismo de forma natural e que ten diversos labores: regular as funcións do estómago, actuar como neurotransmisor do sistema nervioso e reaccionar contra os axentes alérxenos. A intolerancia á histamina é un trastorno da saúde dixestiva asociado a unha alteración do metabolismo que impide que a histamina se degrade adecuadamente no intestino. Pola súa banda, denomínase histaminosis á acumulación de histamina nos tecidos do corpo e pode estar provocada por factores endóxenos (algunha alteración no organismo) ou esóxenos (por exemplo, a inxesta de produtos altos en histamina ou unha infección bacteriana). Ambas patoloxías comparten algúns síntomas como problemas gastrointestinais, cefaleas e hemicrania, alteracións na pel ou urticaria, e teñen outros máis específicos.
Consellos para unha alimentación baixa en histamina
A histamina está presente nunha ampla variedade de alimentos e bebidas. Isto non quere dicir que haxa que eliminalos por completo da dieta, senón que hai que controlar a súa inxesta. Aquí deixamos algúns consellos para unha alimentación baixa en histamina:
– Consume de maneira moderada alimentos con alto contido en histamina.
– Procura non consumir ultraprocesados. Adoitan estar fabricados con produtos que alteran o intestino e elevan os niveis de histamina.
– Opta por cociñados sinxelos para evitar a acumulación de histamina.
– Evita recalentar a comida. Se che sobra, é mellor tomala a temperatura ambiente ou non quentala en exceso, xa que o proceso provoca a liberación de histamina.
– Prioriza o consumo de alimentos frescos. O proceso de desconxelación aumenta a presenza de histamina.
– Conxela os productos frescos antes de 24 horas. Ao volver da compra, conxela os produtos frescos que non vaias consumir de maneira inmediata para que non acumulen histamina.
Receitas de outono baixas en histamina
Crema de chirivías e alcachofas con crocante de batata
Ingredientes
– 1 l caldo de verduras
– 1 cebola
– 1 allo porro mediano
– 100 g chirivía
– 250 g alcachofas
– 1 culleradiña de cúrcuma
– 1 batata pequena
– ½ limón
– pementa moída
– aceite de oliva
Preparación
1. Pela a cebola e córtaa á xuliana. Lava o allo porro, retira a parte máis fibrosa e córtao en toros finos. Pon unha cazola ao lume con aceite de oliva. Cando o aceite estea quente, agrega a cebola xunto co allo porro cortado e refoga.
2. Pela e curta en tacos uniformes a chirivía. Despois prepara as alcachofas retirando o talo, as follas exteriores e as puntas. Córtaas en cuartos, rocía co limón e reserva.
3. Cando a cebola estea transparente, agrega as verduras e a cúrcuma. Refoga durante uns minutos e engade o caldo. Tapa a pota e deixa que se cociñe uns 15 minutos, ata que as verduras estean tenras.
4. Ao apagar o lume, tritura as verduras e, se queres unha crema fina, pasa a mestura por un colador chinés. Salpimenta e remove
5. Pela e curta en tiras a batata. Fríteo en aceite ben quente para que quede moi crocante. Serve a crema en cuncos individuais e coloca a batata frita encima.
Pito ao mel con verduras e arroz
Ingredientes
– 200 g arroz
– 4 peitugas de pito
– 4 culleradas de mel
– 1 cenoria
– 1 cebola
– 1 cabaciño
– 1 dente de allo
– 1 vaso auga
Preparación
1. Corta as peitugas de pito en anaquiños e cocíñaas nunha tixola. Reserva.
2. Lava e corta as verduras e cocíñaas na mesma tixola co mesmo aceite.
3. Engade o pito, o arroz, un vaso e medio de auga e as culleradas de mel. Cociña a lume medio-baixo ata que se absorbeu todo. O pito debería quedar dunha cor dourada.
Peras asadas á canela
Ingredientes
– 4-6 peras
– canela Ceylán
– 1 limón
Preparación
1. Retira o corazón das peras, colócaas nunha bandexa de forno e rocía cun pouco de auga con gotiñas de limón e canela de Ceylán.
2. Enforna a 180º entre 30 minutos e 40 minutos.
Que che parecen estas receitas con produtos de outono? Un menú delicioso para calquera, non crees?