Gadis e as Mulleres Rurais
O pasado 15 de outubro celebrouse o Día Internacional das Mulleres Rurais, unha conmemoración que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas estableceu coa intención de recoñecer e visibilizar o papel da muller rural. A seguridade alimentaria, a resiliencia fronte ao cambio climático e a economía das comunidades dependen, en gran medida, do traballo que realizan as mulleres rurais. Con todo, as desigualdades de xénero supoñen un obstáculo importante para desenvolver o seu enorme potencial.
Por segundo ano consecutivo, en Gadis quixemos sumarnos a esta celebración coa organización dunha xornada que contribúa á posta en valor do papel das mulleres rurais. Co título Mulleres rurais: a importancia na economía local, este evento tivo lugar o pasado 18 de outubro como parte do noso compromiso co recoñecemento do rol dinamizador da muller no medio rural. Sabías que unha cuarta parte da poboación mundial de mulleres traballa no medio rural, pero menos dun 15% das persoas que posúen terras agrícolas son mulleres? Hoxe contámosche isto e moitas cousas máis, así como detalles da nosa xornada. Segue lendo!
A muller rural en España
De acordo co Diagnóstico da Igualdade de Xénero no Medio Rural publicado polo Ministerio de Medio de Agricultura, Pesca e Alimentación en 2021, a presenza de estereotipos e roles asociados a homes e mulleres producen serias desigualdades no medio rural. Por exemplo, a preferencia dos homes ao acceder á titularidade das explotacións agrarias, a notable brecha salarial e, sobre todo, as tarefas relacionadas coas funcións reprodutivas, domésticas e de coidados que se asignan ás mulleres en exclusiva. Por iso, é imprescindible eliminar as barreiras estruturais e as normas sociais discriminatorias que limitan o poder e a participación das mulleres rurais dentro das súas comunidades. Aínda que os últimos datos revelan que se están a producir importantes transformacións na posición que ocupan as mulleres, estes son lentos e aínda insuficientes.
A presenza das mulleres é a garantía dun medio rural vivo e con horizonte de crecemento económico e social. Co lema “As mulleres rurais cultivan alimentos de calidade para todas as persoas”, a celebración do Día das Mulleres Rurais deste ano pretende resaltar o traballo que realizan as mulleres rurais e propoñer estratexias para o peche das fendas de xénero nos sistemas agroalimentarios. Entre esas estratexias, inclúense propostas para fomentar o desenvolvemento das súas habilidades e capacidades de liderado e potenciar o seu rol no fortalecemento das economías locais.
En España, máis de sete millóns de mulleres viven no medio rural. Estas mulleres contribúen de maneira activa ao progreso da súa comunidade, dinamizando a economía da zona e contribuíndo a fixar poboación no territorio. Ademais, constitúen unha peza chave na alimentación. A súa presenza en toda a cadea alimentaria foi unha constante desde os seus inicios, así como a súa participación na xeración dunha riqueza que non sempre reverte nelas.
Gadis e a muller rural
Gadis volveu a organizar un foro no que as mulleres rurais son as protagonistas co fin de axudar ao seu apoderamento, tendo en conta o papel que desempeñan no desenvolvemento local. Co título Mulleres rurais: a importancia na economía local, o evento ofreceu a visión de máis de corenta profesionais de diversos sectores produtivos que contaron as súas historias de superación e esforzo para sacar adiante ás súas empresas.
O foro, celebrado na sede do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) e retransmitido en streaming, foi inaugurado pola directora de Marketing e RSC, Melisa Pagliaro, e pola responsable de Calidade de Gadisa Retail, Yolanda Álvarez. Nas súas intervencións, puxeron en relieve a aposta pioneira de Gadisa pola produción local como eixo vertebrador do tecido socioeconómico das comunidades nas que está implantada. Unha aposta que supuxo, na práctica, o investimento de máis de 466 millóns de euros destinados a compras a provedores locais en 2022, co consecuente impacto positivo na súa contorna.
O encontro tamén serviu para poñer de manifesto a relevancia dos Grupos de Desenvolvemento Rural como elementos integradores e dinamizadores nas súas respectivas áreas de influencia. Así o evidenciaron nunha charla o xerente do GDR Mariñas-Betanzos, Jorge M. Blanco, e a produtora Cristina Bañobre, tamén socia da entidade. Ademais, presentouse a nova campaña audiovisual de Gadis sobre as mulleres rurais e as súas protagonistas tomaron a palabra na mesa redonda que puxo o broche final do evento:
● Marta Novoa de Finca A Reinica.
● Cristina Vázquez de Verduras Chelin.
● Maika Mougán de Hortamanda.
En definitiva, coa celebración desta xornada pretendíase destacar o papel das mulleres rurais no desenvolvemento sostible da súa contorna, a súa visión para o emprendemento, os retos que afrontan a diario, así como a estreita colaboración que mantemos con elas a través da comercialización dos seus produtos de orixe local nos nosos supermercados.