Día Internacional das Mulleres Rurais

Fecha: Outubro 27, 2022

O 15 de outubro celebrouse o Día Internacional das Mulleres Rurais, unha data establecida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas para recoñecer e visibilizar o papel da muller rural. No contexto actual, acadar a igualdade de xénero e empoderar as mulleres rurais é imprescindible para combater a pobreza extrema, o hambre e a desnutrición, factores que se agravaron co incremento mundial do custo de vida.
En Gadis levamos moito tempo traballando na posta en valor do papel das mulleres rurais, tanto na promoción do desenvolvemento agrícola como na mellora da seguridade alimentaria. Este ano, quixemos dar un paso máis no noso compromiso e, o pasado 18 de outubro, celebramos a xornada Mulleres rurais: a importancia na cadea alimentaria. Un evento que pretende contribuír ao recoñecemento do rol dinamizador da muller no medio rural, así como do seu traballo para proporcionar alimentos á poboación. Queres saber por que é importante visibilizar as mulleres rurais? Segue a ler!

Os obstáculos para a muller rural

Unha de cada tres mulleres empregadas no mundo traballa na agricultura e, de acordo coa FAO, se o seu acceso aos recursos fora igual ao que teñen os homes, a produción agrícola dos países en vías de desenvolvemento aumentaría entre un 2,5% e un 4%. Así mesmo, a taxa de desnutrición mundial diminuiría entre un 12% e un 17%. Pero sabes cales son os obstáculos aos que se enfrontan? Existe unha discriminación significativa no que respecta á propiedade, á remuneración, á toma de decisións e ao acceso aos recursos e aos mercados. Ademais, o conflito de Ucrania empeorou a situación das mulleres rurais. Segundo o último informe de ONU Mulleres, a situación dos mercados alimentario e enerxético intensificou as disparidades de xénero, aumentando a inseguridade alimentaria, a desnutrición e a pobreza enerxética.
Por iso, a ONU elixiu como lema para a celebración deste ano “As mulleres rurais enfróntanse ao incremento mundial do custo da vida“. Con el, queren visibilizar e apoiar as demandas das mulleres rurais, recoñecer o seu labor na subministración de alimentos e servizos, e reivindicar a igualdade de oportunidades.

EVENTO GADIS
MULLERES RURAIS
18-outubro-2022

O papel da muller rural como provedora de alimentos

En España, máis de sete millóns de mulleres viven no medio rural. Estas mulleres contribúen de maneira activa ao progreso da súa comunidade, dinamizando a economía da zona e contribuíndo a fixar poboación no territorio. Ademais, constitúen unha peza clave na alimentación. A súa presenza en toda a cadea alimentaria foi unha constante desde os seus inicios, así como a súa participación na xeración dunha riqueza que non sempre reverte nelas. Sabías que un gran número dos provedores locais de Gadis son mulleres? Hoxe gustaríanos destacar o traballo da muller rural como provedora de alimentos porque aínda queda moito por facer para mellorar as súas condicións laborais e o seu benestar.

Gadis e a muller rural

En Gadis, contamos con máis de 1.000 provedores locais que abastecen a diario as nosas seccións de pescadería, carnicería, froitería, charcutería, panadería, lácteos, adega e produtos envasados. Estes provedores son os propios fabricantes dos seus produtos e moitos deles son mulleres que traballan desde o rural de Galicia e Castela e León. Encantanos visibilizar as nosas referentes de mulleres rurais! Ata o de agora, apareceron nas memorias corporativas de Gadisa e nos folletos semanais dos supermercados. Pero, este ano, decidimos fortalecer a súa presenza nas nosas iniciativas a través da organización da xornada Mulleres rurais: a importancia na cadea alimentaria, durante a que charlamos con Milagros González, presidenta da DOP de Herbón e de A Pementeira. Tamén presentamos a campaña Mulleres Rurais-Gadis e na que celebramos unha mesa redonda coas súas protagonistas, algunhas das nosas provedoras:

EVENTO GADIS
MULLERES RURAIS
18-outubro-2022

● Amaya Romano de Agreco Galiza, empresa de Bergondo que se adica ao cultivo de prantas aromáticas para consumo en fresco.
● Carmen Lista, titular dunha explotación en Cantobre na que cultiva unha ampla variedade de produtos agrícolas.
● Rocío Sequedo, propietaria dunha explotación en Cumeiro (Vila de Cruces) na que cultiva as tres variedades de repolo, remolacha de mesa e nabo.
● Sonia Montes, propietaria dunha explotación de horta en Cabana de Bergantiños.
Este evento foi a nosa maneira de visibilizar o papel decisivo que ten a muller rural no desenvolvemento local. Xa sabes que sempre animamos a consumir produto de cercanía e facémolo por varios motivos. Por unha banda, para evitar que os produtos percorran moitos quilómetros antes de chegar ao teu fogar. Por outra banda, para contribuír a dinamizar e mellorar a calidade de vida das áreas rurais e, en consecuencia, tamén das mulleres rurais. Cando visites os nosos supermercados, busca os distintivos específicos que temos para identificar estes produtos, ademais das indicacións de orixe protexida que terán algúns.
As mulleres rurais constitúen unha cuarta parte da poboación mundial e non queremos deixar pasar a oportunidade de homenaxealas. Non só porque son provedoras de produtos de alimentación, senón tamén porque garanten a súa seguridade. Ademais, realizan un traballo fundamental fronte ó cambio climático. Desde aquí, queremos mostrar o noso agradecemento a todas esas mulleres do rural que enchen as nosas tendas para poder ofrecerche produtos frescos e de primeira calidade.