Almorzos para a volta ao cole

Fecha: Setembro 10, 2021

Coa volta ao cole, parece que o tempo se acurta e volven as présas aos almorzos. Pero non debemos menosprezar a importancia da primeira comida do día e temos boas noticias! Un almorzo saudable non é incompatible coa sinxeleza e preparalo non ten por que levar unha eternidade. Hoxe propoñemos algunhas ideas que poderás poñer rapidamente na mesa e que encantarán aos máis cativos da casa. E non só iso! Tamén lles proporcionarán a enerxía necesaria para afrontar a xornada escolar 😉. Hai uns meses, suxerímosche cinco almorzos planificados coa axuda do prato ALIMENTES. O menú saudable (a nosa guía visual para lograr que todas as túas comidas do día sexan equilibradas) e agora poderás engadir estas novas propostas que che permitirán ampliar o abanico de posibilidades. Segue lendo!

Almorzos para a volta ao cole

Seguro que o verán trouxo algún que outro “exceso culinario” e a volta á rutina é un bo momento para recuperar hábitos e retomar unha dieta saudable. Quizá un dos nosos maiores inimigos é a falta de planificación, sobre todo polas mañás. Por iso, dende Gadis lembrámosche sempre que o mellor truco para lograr o obxectivo é a organización. Elaborar menús semanais e preparar a lista da compra con antelación axudarache a manter unha dieta variada e equilibrada. Se, ademais, aproveitas o tempo mentres te arranxas, verás que será sinxelo ir introducindo novas opcións.

O almorzo representa o 20% da túa inxesta diaria e ten que incluír polo menos unha peza de froita. Dependendo das preferencias dos comensais, podes apostar por opcións saudables máis tradicionais como cereais ou pans integrais e algún lácteo ou incluír tamén sementes, froitos secos e pratos salgados. O ideal sería poder gozar con calma deste momento do día, pero se os preparativos para o colexio apreman, procura que polo menos os teus fillos e fillas poidan sentar 15 minutos para comer con certa tranquilidade.

Cinco almorzos para a volta ao cole

Sobra dicir que os produtos ultraprocesados mellor non incorporalos nestas propostas. Poden crear picos de glicosa que espertan o apetito en pouco tempo. Ademais, suxerímosche que non te ciñas aos convencionalismos e poñas un pouco de creatividade nos almorzos da volta ao cole para motivar aos nenos e nenas da casa. Que che parece?

Luns. Iogur con granola e froita fresca de tempada.

A granola é unha proposta saudable, pero debes prestar atención á composición das opcións comerciais antes de metelas na cesta. Se che apetece, tamén podes preparala en casa e facer unha boa cantidade para gardar na despensa. Aquí deixamos unha receita:

Ingredientes
– 2 culleradas de flocos de avea
– 2 culleradas de améndoa laminada crúa
– 2 culleradas de pipas de cabaza
– 2 culleradas de sementes de liño
– Sal
– Mel ou sirope de ágave
Preparación
– Prequenta o forno a 200º C e forra a bandexa con papel de forno.
– Mestura os flocos de avea coa améndoa, as pipas de cabaza, as sementes de liño e un chisco de sal. Agrega unha cullerada de mel ou de sirope de ágave.
– Distribúe a mestura na bandexa e cociñaa uns 12-14 minutos, removendo a metade da cocción. Deixa arrefriar. Xa tes a granola! Agora só debes preparar a froita que prefiras: mango, nectarina, pexego, figo, pera… Mestura a granola coa froita e o iogur e terás un delicioso almorzo.

Martes. Brocheta de froita de tempada e torrada de queixo fresco e tomate.

Só terás que elixir tres ou catro pezas de froita de tempada para repartir entre as brochetas. Aínda podes aproveitar as últimas semanas de melón, sandía, figos e froitas de óso. Será unha proposta refrescante e deliciosa!

Para a torrada, opta por un pan integral e, se o teu é cociñar, podes preparar a túa propia versión. Xa compartimos unha receita de pan de avea e outra de centeo. Que che parece se engadimos esta vez pan integral con sementes? Podes tomar a rebanada de pan torrada ou sen torrar, engadir queixo fresco e tomate, un pouco de sal e un chorriño de aceite de oliva. Empezaredes o día con moita enerxía!

Mércores. Tortilla de albáfega con tomate e mozzarella e unha peza de froita.

Unha tortilla de albáfega acompañada con tomate e mozzarella, que podes aderezar ao teu gusto, sen dúbida, é unha maneira diferente de empezar o día. Para terminar cun punto doce, elixe a peza de froita de tempada que máis che guste.

Xoves. Ovos ao forno sobre aguacate con queixo de cabra e batido de pera e plátano.

Para combater o cansazo da semana que empeza a asomar, aquí tes unha receita enerxética, saudable e deliciosa.

Ingredientes
– 1 aguacate de tamaño medio-grande no seu punto
– 2 ovos
– Queixo de rulo de cabra
– Pementa negra
– Sal
– Aceite de oliva virxe extra
Preparación
– Prequenta o forno a 200ºC.
– Abre o aguacate pola metade e saca o óso con coidado. Cunha culler agranda un pouco a cavidade de cada un para que caiba o ovo.
– Salpimenta e coloca un pouco de queixo de cabra no interior de cada aguacate.
– Con coidado, rompe o ovo e colócao sobre o queixo.
– Cociña entre 15 e 20 minutos. Retira e aliña con un pouco de aceite de oliva virxe extra.
Mentres se cociña, prepara o batido de plátano e pera cun pouco de bebida vexetal. Así, estará listo para degustar co aguacate.

Venres. Torrada con tomate triturado, aceite e xamón e iogur con froita.

Xa che contamos que o tomate ten tantas propiedades que debería inxerirse case a diario. Por iso, incluímolo en moitas destas propostas de almorzo. Quen pode resistirse á clásica torrada con tomate triturado natural e xamón? Ocórreseche unha mellor maneira de terminar a semana escolar? Un iogur con froita de tempada e listos para encarar a última xornada.

Que che pareceron estes almorzos? Gustaranlle aos pequenos da casa? Feliz volta ao cole!