A mellor receta para facer pan na tixola

Fecha: Xuño 8, 2020

O feito de non ter un forno ou de que se estragase, non impide que poidas desfrutar das túas comidas favoritas. É posible facer pan en tixola e o resultado sorprenderate para ben.

O sabor e o aroma que resulta da receita que che ensinamos hoxe ten pouco que envexar ó resultado en forno. E, o mellor de todo, é que se fai moi rápido. O resultado será un pan brando, ideal para acompañar un embutido de calidade e para unha boa hamburguesa caseira. Mesmo conseguirás que teña os característicos buracos na miga do pan de panadería.

Como facer pan na casa sen forno

O primeiro é unir os ingredientes. Para iso, necesitarás 50 mililitros de auga morna, que mesturarás cunha culler pequena de azucre, removendo ben. Despois, engades a levadura. Uns 2 gramos se é seca e uns 6 se é fresca. Agora debes deixar que esta se active, así que non toques a mestura durante 10-15 minutos.

Mentres, podes ir preparando un recipiente grande no que crearás a masa. Comeza por colocar uns 375 gramos de fariña. Podes elixir a que utilizas normalmente, pero, como saberás, a de trigo é unha opción fantástica. A continuación, engade unha culler pequena de sal, a levadura que xa tes lista e uns 215 mililitros de auga a temperatura normal. Agora debes amasar ben a mestura até que se deixen de ver as partículas de fariña e a masa teña unha textura uniforme.

Deixa novamente que repouse uns 20 minutos e volve a batela ben, se te podes axudar dunha máquina, mellor. Colle un recipiente, úntao con aceite, verte a masa, cúbrea e deixa que repouse, para que aumente de tamaño.

Todo listo para facer pan na tixola

Agora só tes que dividir a masa resultante en tantos anacos como queiras. Pola cantidade de ingredientes desta receita, podes dividila en 5-7 anacos. Coas mans aceitadas, colle cada anaco e dálle unha forma redondeada e uniforme. Tápaos durante varios minutos, até que vexas como suben.

Pon a quentar a tixola a medio lume (ou varias, se queres ir máis rápido) e cando estea lista, colle os pans coas mans aceitadas e colócaos na tixola. Con 2-3 minutos por cada lado é suficiente e xa tes o teu pan na tixola e sen forno listo para degustar.