O voluntariado: unha forma descoñecida de colaboración e aprendizaxe
O concepto de desenvolvemento sostible xira ao redor da idea de transformación social, ambiental e económica. Isto require dunha cidadanía activa e comprometida para conseguir un mundo máis xusto, inclusivo e sostible. Por iso, a Axenda 2030 recoñece explicitamente aos grupos de persoas voluntarias como partes interesadas para alcanzar os 17 ODS. A consecución destes obxectivos esixe cambios de actitude e comportamento a longo prazo. O voluntariado constitúe unha peza crave, xa que contribúe a crear conciencia e defender eses cambios, inspirando a outras persoas e converténdose nun medio poderoso e transversal de implementación.
A acción voluntaria é un recurso con enorme potencial para a solución de problemas. De feito, a súa importancia evidénciase con claridade na resposta aos crecentes desafíos aos que nos enfrontamos a nivel mundial: pandemia, conflitos, desastres naturais… Con frecuencia, as persoas voluntarias reaccionan con urxencia e son as primeiras en organizarse para axudar. En Gadis, sempre valoramos esta solidariedade colectiva para impulsar un cambio positivo e tratamos de apoiar este tipo de iniciativas. Pero non todo son grandes accións ben organizadas! Tamén hai pequenos xestos que poden significar moito. En definitiva, todas e todos podemos ser axentes de cambio e levarnos unha aprendizaxe no proceso. Queres saber como? Segue a ler!
O voluntariado: colaboración e aprendizaxe
A Lei 45/2015, do 14 de outubro, de Voluntariado define o voluntariado como unha actividade solidaria e social, de carácter altruísta, sen contraprestación económica de ningún tipo. Pola súa banda, a Plataforma do Voluntariado de España pon énfase na mellora da realidade que supón a intervención das persoas voluntarias, xa que a acción voluntaria constitúe un motor importante para o desenvolvemento.
De acordo co último informe das Nacións Unidas, o número mensual de persoas voluntarias maiores de 15 anos no mundo supera os 862 millóns, aínda que a maioría do traballo voluntario organízase de maneira informal. É dicir, trátase de accións que non están amparadas por unha organización, poden ser individuais e xurdir de maneira espontánea con carácter ocasional.
En España, ao redor de 2,7 millóns de persoas participan en tarefas de voluntariado e o perfil máis común da persoa voluntaria é o dunha muller de entre 34 e 45 anos, con estudos superiores, con menores de idade ao seu cargo e cunha media de 5 anos de participación en accións sociais.
Pero a acción voluntaria non é só un proceso de colaboración co que impactar de maneira positiva na contorna, senón tamén un proceso de aprendizaxe. Desenvólvense novas habilidades, profúndase no autocoñecemento e préstase máis atención ao mundo que nos rodea. Ademais, a experiencia permite coñecer novas comunidades, persoas, organizacións e realidades á vez que se aumentan capacidades e destrezas. O voluntariado brinda a oportunidade de desenvolver aspectos como, por exemplo, o traballo en equipo, o liderado, a organización e planificación, a innovación e creatividade, a empatía e a comunicación interpersoal e mesmo a autoestima.
Queres formar parte do voluntariado?
Hai unha serie de cuestións sobre as que convén pensar para sacar o máximo partido á tarefa solidaria cando se quere realizar un voluntariado formal. Estas son as suxestións da Plataforma Española de Voluntariado:
– Reflexionar sobre as razóns para formar parte da acción voluntaria, buscando información por distintas vías para determinar cal é o compromiso que se desexa adquirir.
– Coñecer a contorna e identificar as necesidades, tendo en conta as prioridades e
expectativas e valorando as capacidades e aptitudes.
– Definir a participación, considerando o tempo que se pode dedicar, o tipo de implicación e a causa na que se quere intervir.
– Contactar con entidades que se axusten ao que se está a buscar para valorar a posibilidade de incorporación.
– Establecer un acordo coa entidade para comezar a participación.
A actividade voluntaria pode desenvolverse en diferentes ámbitos dependendo dos intereses da persoa:
– Voluntariado social.
– Voluntariado internacional.
– Voluntariado ambiental.
– Voluntariado cultural.
– Voluntariado deportivo.
– Voluntariado educativo.
– Voluntariado socio-sanitario.
– Voluntariado de ocio e tempo libre.
– Voluntariado comunitario.
– Voluntariado de protección civil.
Como diciamos ao comezo, non todas as accións voluntarias se enmarcan dentro das actuacións dunha organización. Tamén poden xurdir de maneira espontánea a nivel particular e motivadas pola axuda mutua. Normalmente, o voluntariado informal implica dedicar tempo e enerxía para axudar na vida cotiá das persoas. Dentro deste tipo de actividades, enmarcaríase, por exemplo, comprar alimentos ou medicamentos para persoas vulnerables, con mobilidade reducida ou de idade avanzada sen que exista o soporte dunha entidade. De feito, incluso algo tan sinxelo como sacar o lixo ou dar conversación podería converterse nunha actividade de voluntariado.
Neste caso, a tarefa ten maior flexibilidade, xa que non estaría sometida aos horarios establecidos, a unha descrición formal de funcións, nin supeditada á supervisión dunha persoa responsable de voluntariado.
E ti? Xa formas parte da acción voluntaria? Quizá xa realizas algunha acción de voluntariado informal, verdade? Encantaríanos que nolo contes!