Coidar da auga é tamén coidar da alimentación
O vindeiro 16 de outubro celébrase o Día Mundial da Alimentación, cun lema este ano que busca concienciar sobre a importancia da auga para a vida na Terra. O estrés sobre os recursos hídricos do planeta é cada vez maior debido ao rápido crecemento poboacional, a urbanización, o desenvolvemento económico e o cambio climático. Como consecuencia, os recursos de auga doce por persoa diminuíron un 20 % nas últimas décadas. Ademais, a dispoñibilidade e a calidade da auga están a deteriorarse rapidamente. Son varios os factores que inflúen neste deterioro: uso e xestión deficientes, sobreexplotación de augas subterráneas, contaminación e cambio climático. Por iso, a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) decidiu dedicar o Día Mundial da Alimentación 2023 a destacar a importancia da auga para a terra e os nosos alimentos.
En Gadis, hai tempo que nos sumamos a esta mensaxe porque somos conscientes de que a crise mundial de auga require de medidas urxentes para atallala. A industria alimentaria é a responsable do 70% do consumo mundial de auga doce e é necesario impulsar iniciativas que contribúan a protexer e compartir mellor este recurso, que non é infinito. Coidar da auga é tamén coidar da alimentación e supón cultivar un futuro sostible. Queres saber máis? Segue a ler!
Día Mundial da Alimentación
O Día Mundial da Alimentación foi proclamado en 1979 pola FAO coa intención de concienciar sobre o problema alimentario mundial e fortalecer a solidariedade na loita contra a fame, a desnutrición e a pobreza. Os últimos datos e avaliacións a nivel mundial da evolución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible revelan que o ODS 2. Fame cero é o que experimentou un maior retroceso nas súas metas. Para lograr cumprir co establecido na Axenda 2030, é imprescindible unha acción coordinada urxente con solucións que aborden as desigualdades arraigadas, transformen os sistemas alimentarios e invistan en prácticas agrícolas sostibles.
Na actualidade, 2.400 millóns de persoas viven en países sometidos a estrés hídrico. Moitas delas son pequenos agricultores, especialmente mulleres. A escaseza de auga está a converterse nunha causa de conflito cada vez maior. Por tanto, é necesario producir máis alimentos con menos auga, ademais de garantir que a auga se distribúa equitativamente. Temos que deixar de dar por descontada a auga e comezar a mellorar a forma de usala na nosa vida diaria.
Que é o estrés hídrico?
Fálase de estrés hídrico cando a demanda de auga é maior que a cantidade dispoñible durante un período determinado ou cando o seu uso se ve restrinxido pola súa baixa calidade. O World Resources Institute ofrece, a través da súa ferramenta Aqueduct, unha clasificación das proxeccións para 2030 e 2040 dos países con maior estrés hídrico. España é un dos países europeos con maior estrés e a conca mediterránea, unha das rexións do mundo máis vulnerables ante o impacto do quecemento global. De feito, o estudo da OCDE Políticas para o futuro da agricultura e a alimentación en España, presentado o pasado xuño, resalta o dinamismo e a alta produtividade do sector agroalimentario español, pero advirte sobre o risco que o seu estrés hídrico, un dos máis elevados dos países membros do organismo, supón para o sector.
Coidar da auga é coidar da alimentación
En España, a media de consumo de auga por persoa sitúase en 132 litros diarios, por encima dos 50-100 litros que a Organización Mundial da Saúde (OMS) considera necesarios para garantir a cobertura das necesidades básicas. Os alimentos que comemos e a súa forma de produción afectan a auga. En Gadis, temos un compromiso firme coa redución do impacto ambiental das nosas accións e queremos axudarche a ti tamén a mitigalo. Hai moitas formas de marcar a diferenza para reducir o impacto a nivel individual:
– Elixe alimentos frescos, locais e de tempada.
– Toma conciencia da cantidade de auga que se necesita para a produción dos alimentos e elabora os teus menús tendo en conta a pegada hídrica dos produtos.
– Reduce o desperdicio alimentario, planificando a túa compra e reutilizando de maneira segura as sobras. O desperdicio de alimentos nos fogares españois xera unha pegada hídrica que supera os 130 litros por persoa e día.
– Apoia á agricultura sostible, cuxas técnicas reducen o consumo de auga doce.
– Pensa en como vas cociñar os alimentos para evitar consumir cantidades de auga innecesarias.
– Evita a contaminación da auga en todas as túas accións.
– Consulta a aplicación web “Accións urbanas” para obter ideas para desperdiciar menos e lograr unha mellor conexión coas zonas rurais.
– Contribúe á concienciación das seguintes xeracións.
Como ves, pequenos cambios no teu día a día poden reducir o teu consumo de auga. Así coidarás da auga, da alimentación e da túa saúde e a do planeta 😉.