Maio Solidario
Maio Solidario xa está en marcha! Este é o mes que, desde hai dez anos, Gadis dedica a reforzar o seu apoio ao traballo dos Bancos de Alimentos. A décima edición desta campaña de recollida de alimentos comezou esta semana e estase a desenvolver en 203 supermercados de Galicia e Castela e León. Entre o 2 e o 29 de maio, atoparás puntos de recollida sinalizados nas nosas tendas para depositar produtos non perecedoiros e, do mesmo xeito que o ano pasado, tamén poderás realizar unha doazón directamente en caixa. Todo o recadado irá destinado aos 11 Bancos de Alimentos cos que colaboramos de maneira habitual.
Á vista dos diversos retos que tiveron que ir afrontando os distintos axentes sociais e a cidadanía desde o inicio da pandemia, Gadis foi intensificando a súa axenda de accións de carácter solidario, sumando novas propostas ás iniciativas que xa viñamos desenvolvendo. Os Bancos de Alimentos levan dous anos sometidos a unha presión sen precedentes e, por iso, co fin de promover un impacto positivo na nosa contorna, mantemos máis firme que nunca o noso compromiso solidario con estas entidades. Queres saber máis sobre a nosa emblemática campaña e a edición deste ano? Segue lendo!
Por que organizamos a campaña Maio solidario?
Maio solidario cumpre unha década e xa é unha das citas solidarias máis importantes do ano para o noso equipo. Non poderiamos facela realidade sen a inestimable xenerosidade e confianza da nosa clientela, a implicación das persoas que traballan connosco e, por suposto, o gran labor que realizan os bancos de alimentos. Ao longo destes dez anos, puidemos sumar o noso grao de area á axuda que prestan de maneira habitual a máis de 800 entidades sociais que atenden a máis de 100.000 persoas. En todo este tempo, entregáronse máis de 1,2 millóns de quilogramos de alimentos non perecedoiros, ademais da recadación económica que se realizou por primeira vez na pasada edición e que ascendeu a 81.856 €.
Pero Maio solidario é moito máis que unha campaña anual de recollida de alimentos. Esta iniciativa alíñase cos obxectivos plasmados no noso plan de Responsabilidade corporativa para responder a algúns dos grandes retos que expón a necesidade de apostar por un desenvolvemento sostible. Entre as súas motivacións sociais, atópanse a consecución dos dous primeiros Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030:
● ODS 1. Fin da pobreza.
● ODS 2. Fame cero.
A erradicación da pobreza en todas as súas formas segue a ser un dos principais desafíos. De acordo cos datos de Eurostat, en 2021, España era o cuarto país con maior risco de pobreza dos 24 estados europeos que achegaron datos á oficina estatística comunitaria. Case un 27% da súa poboación atópase ao bordo da pobreza ou da exclusión. Se desagregamos os datos por sexo, un 28,1% das mulleres e un 25,9 % dos homes enfróntanse a esta situación. En total, 12,5 millóns de españois están en risco, o que supón un aumento de máis dun punto porcentual con respecto ao ano pasado. Isto non só evidencia os efectos da crise sanitaria, senón que tamén pon fin á tendencia descendente dos cinco anos anteriores. Son cifras que, sen dúbida, dificultan aínda máis a consecución do segundo ODS, Fame Cero.
Dende 2015, vénse rexistrando un crecemento paulatino da fame no mundo. Segundo as estimacións de Nacións Unidas, máis de 820 millóns de persoas padecen fame no mundo e ao redor de 250 millóns atópanse nunha situación extrema. Por iso, é necesario buscar maneiras de proporcionar alimentos e axuda humanitaria a quen máis o necesitan. A campaña Maio Solidario é unha parte da nosa axenda de actividades para contribuír a mitigar as consecuencias da crise na que nos atopamos. Pero traballamos tamén noutras vertentes como a concienciación. Sabemos que un terzo dos alimentos que se producen a nivel mundial acaba no lixo e hai que evitalo! Para iso, é importante que atopemos fórmulas para contribuír de maneira individual á redución do desperdicio alimentario, unha realidade que ten implicacións ambientais, pero tamén éticas e da que non podemos desentendernos.
Participa en Maio Solidario!
Coa campaña Maio Solidario, queremos contribuír a resaltar a importancia de establecer colaboracións coas entidades sociais que atenden a diario a miles de persoas. Neste caso, establecemos unha alianza cos Bancos de Alimentos de Galicia e Castela e León para que poidan lograr o abastecemento necesario que lles permita seguir cooperando con asociacións e organizacións non gobernamentais da contorna. É a nosa maneira de participar na consecución dos ODS a través de quen, en definitiva, coñece de primeira man as necesidades reais de cada colectivo e pode cubrilas de maneira máis efectiva.
Se queres participar na campaña, podes facelo mediante a doazón de alimentos non perecedoiros ou realizando unha achega económica ao pasar por caixa. Para a doazón de produtos, pensa nas necesidades básicas do día a día dunha familia. Os máis demandados son leite, aceite, legumes, arroz, pasta e conservas. Os puntos de recollida de alimentos están visibles nas nosas tendas de Galicia e Castela e León. Esperámoste!